O PP de Melide denuncia posibles irregularidades na xestión do Conservatorio de Música Municipal por parte do tripartito local

29.02.2024

  • O Grupo Municipal Popular accedeu o pasado xaneiro ao expediente no que o alcalde do Concello de Melide e o alcalde en funcións do Concello de Arzúa asinan un convenio interadministrativo, que non foi informado pola Intervención Municipal melidense, nin elevado a Xunta de Goberno Local nin a pleno, para contratar ao Director do Conservatorio do municipio arzúa para facer tarefas homólogas en Melide.
  • Dende xuño do ano 2023 o persoal do Conservatorio Melidense levaba realizando tarefas de dirección sen ningunha gratificación a maiores por parte do tripartito local e tampouco ningunha orde en contra, cuestión que mudou, de repente, o pasado decembro, cando se nomeou da noite para a mañá a este novo director que non conta, salvo erro ou omisión do PP de Melide, de secretario/a nin xefe/a de estudos a pesar de ser obrigatorio para constituír un equipo directivo nun centro de ensinanzas oficiais.
  • O pago a este persoal que foi contratado desta maneira, sen concurso público algún, nin oferta de emprego no INEM, farase por transferencia bancaria ao Concello de Arzúa en función das horas traballadas, motivo polo cal o PP reclamará novamente o expediente para seguir auditando o mesmo e as posibles irregularidades que se poidan ter cometido.

Melide, 29 de febreiro de 2024.- O PP de Melide sinala que a xestión do Conservatorio Municipal de Música de Grao Medio de Melide está a ser un auténtico desastre por parte do tripartito municipal. 

Por unha banda, o persoal administrativo atópase de baixa e non foi sustituído por ninguén, poñendo esta decisión do tripartito local, en claro risco as bolsas de estudo do curso 2023/2024 que foron salvadas grazas á colaboración do persoal docente do Conservatorio Municipal. 

Por outra, a pesar de que por mor da xubilación da persoa que exercía de director do Conservatorio o centro comenzou a actividade con normalidade toda vez que nun claustro o profesorado consensuou a aprobación dun equipo directivo transitorio e interino, o tripartito local nunca dou explicacións de porque se decidiu o pasado decembro, baixo unha fórmula pouco ortodoxa e suxeita a a dúbidas legais, xa que os convenios administrativos deben ser elevados ao pleno municipal, ou canto menos, a Xunta de goberno local, contratar a un docente doutro Concello, do que non se coñece tampouco a compatibilidade para desenvolver dous traballos a tempo completo en centros de ensinanza pública.

Para máis inri, sinalan dende o PP de Melide, tampouco se coñece decreto de nomeamento do mesmo como Director do Conservatorio nin o seu acompañamento por un equipo directivo, é dicir, xefe ou xefa de estudos ou secretario e secretaria, cuestión que foi posta en coñecemento da Inspección educativa, que a pesar de non ter competencias no persoal dos centros locais, si que debe velar polo bo funcionamento e organización dos centros oficiais.

Dende o PP de Melide califican que, maila que o Conservatorio é patrimonio cultural e musical de Melide, os alumnos e alumnas están sufrindo unha xestión desastrosa que se superara cando se declararon fixos discuntinuos os docentes do mesmo no ano 2017 e facilitou posteriormente a xestión do centro, pero agora, é unha mostra máis do abandono e desidia dun goberno que se ve sobrepasado por canta xestión diaria e pública lle compete. 

O PP de Melide seguirá informando sobre este asunto así como a situación de desamparo que está a vivir o alumnado de guitarra, que se atopa nunha situación moi grave, despois de perder o dereito a avaliación continua xa que levan todo o curso sen docente.